Mostrando entradas con la etiqueta compostela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta compostela. Mostrar todas las entradas

domingo, 19 de enero de 2014

Hortas urbanas, camiñando cara o futuro.

Dende o sur ao norte de Galicia podemos atopar hortas urbanas en calquera cidade, dende Ourense ata Lugo, Vigo ou Compostela, e que ofrecen unha gran alternativa tanto económica, como social e saudable.
As hortas urbanas son unha boa maneira de aforrar cartos, e que mais se pode pedir se  ademais son unha alternativa saudable, o certo e que as hortas benefician tanto a quen as cultiva como a aqueles que consomen os produtos que nelas se dan.
Ofrécennos unha alternativa para practicar exercicio físico, sobre todo as persoas maiores que poden ocupar o seu tempo de lecer, e aos cativos que aprenden a coidar do seu entorno, a ver de onde proceden os alimentos que consomen e así comelos se cabe con mais cariño, xa que a verdura non soe ser o alimento que mais triúnfa a hora de comer entre as novas xeracións. A confianza é importante en canto a alimentación, e plantar, ver medrar e recoller os produtos que se serven na mesa é ademais de reconfortante cando menos gratificante.
Cultivos na terraza

E por se fora pouco ademais, as hortas urbanas serven para establecer novas relacións sociais nun mundo no que a tecnoloxía cada vez ocupa un lugar mais importante nas nosas vidas, cultivar unha horta ponte en contacto cos veciños, mellora as relacións persoais e fainos mais humanos en xeral.
Son tamén un novo pulmón para as cidades, poden mellorar o microclima urbano e producir unha maior cantidade de aire puro e polo tanto mellorar a calidade de vida, unha forma de loitar contra a denominada “ditadura do cemento” que cobre na actualidade todo o espazo na cidade.
Pero por outro lado, este tipo de agricultura pode chegar a ser un competidor importante para pequenas tendas ecolóxicas, ou para os propios mercados en si, de xeito que se na cidade se produce o que se consume en relación a verduras e froias as pequenas explotacións que se atopan na contorna da propia cidade e que ofrecen produtos frescos cada día quedarían sen demanda ó igual que as tendas.
Ademais seria necesario un forte control con relación as especies que se cultivan, intentando que os foráneos ou prexudiciais tanto para o medio como para as persoas se eviten, afortunadamente, hoxe en dia existen lugares e asociacións que poden por en coñecemento do cidadán aqueles cultivos, técnicas e materiais mais adecuados.
Horta urbana no polígono de Navía (Vigo)

Resulta imposible saber que acontecera no futuro, pero o das hortas urbanas entoxase canto menos positivo, son mais as vantaxes que ofrecen que os posibles problemas,  e a poboación semella disposta a continuar con esta iniciativa, boa tanto para o individuo en si como para o conxunto.


A continuación aparecen unha serie de ligazóns que vos remitiran a paxinas relacionadas co tema e nas que vos poden axudar se buscades participar nas hortas urbanas ou queredes crear a vosa propia:


Grazas por a súa atención, seguiremos informando! 


Nuria Lorenzo Ledo

jueves, 9 de enero de 2014

Un mapa, unha explicación!

Na anterior entrada do blogue aparecía unha imaxe aérea (mapa), na cal se representaban as principais áreas de solo dedicado a hortas(privadas e publicas) e nalgún caso a xardíns en Santiago de Compostela.

No mapa inclúense algúnhas áreas de xardíns xa que o termo “garden” en inglés designa ademais dos xardíns as hortas privadas. E ademais estes espazos son moi importantes no interior das cidades.
A primeira área a comentar é a das hortas históricas de Compostela, conservadas aínda hoxe polo seu gran valor cultural e histórico, e a pesares do valor do solo no lugar no que se atopan, son un bo recurso turístico e axúdannos a comprender como se vivía antes incluso nas cidades onde logo a agricultura apareceu como unha practica residual.
 Fig.1: Hortas Historicas 

A segunda área sinalada pertence a pequena cidade xardín de Santiago de Compostela situada cerca da estación de tren, tratase de casas unifamiliares con pequenos xardíns privados nos cales se cultivan diferentes especies de plantas xa sexan decorativas ou alimenticias.

Fig.2: Cidade Xardín

A terceira, cuarta e quinta zona están relacionadas, tratase das hortas publicas administradas por o Concello de Santiago de Compostela, como xa expliquei noutras entradas especificas sobre elas, estas hortas pertencen a un organismo publico e son postas en man dos cidadáns mediante sorteo para a produción de alimentos seguindo unhas normas, están pensadas especialmente para os xubilados, para que cultiven no seu tempo de lecer.

Teñen unha gran importancia, e son unha nova iniciativa que se esta pondo en marcha en moitas outras cidades do mundo, funcionan como pulmóns para a cidade e ademais contribúen a unha boa alimentación. Na entrada anterior, e do mesmo xeito, mediante imaxes aereas superpostas podemos ver a superficie real que ocupan cada unha das partes, tanto as de Belvis como as de Fontiñas.
A sexta área clasificada pertence as Hortas de San Lourenzo, están situadas cara as aforas da cidade, esta zona xa comeza a poder considerarse rururbana, con usos do solo en parte agrarios aínda que sexa a tempo parcial, as hortas pertencen a casas unifamiliares privadas, e na actualidade dedícanse tamén a simples elementos decorativos en canto a que non se producen alimentos nelas.

Fig.3: San Lorenzo

Como exemplo de pequenas áreas dedicadas a xardíns na propia cidade, e incluso na propia zona histórica, aparece a sétima área nomeada, o xardín que se sitúa por a parte de atrás da rúa Entremuros. Este tipo de espazos son moi importantes, sobre todo nas grandes cidades xa que axudan a regular o clima que se crea entorno as edificacións, melloran a calidade do aire e aportan  espazos verdes de lecer.

Fig.4: Entremuros

A oitava área é a que se sitúa na rúa da costiña do Monte, atopase preto do Museo do Pobo Galego, e nela atopamos tamén hortas urbanas privadas, a maioría traballadas a tempo parcial ou como ocupación de xubilados.

Fig.5: Rúa Costiña do Monte

A novena área pertence a Casas Novas, o igual as de San Lourenzo atópanse xa cara as aforas da cidade, os usos do solo cambian e vanse degradando cara o sector primario, xa sexa no ámbito forestal ou no agrario. Son vivendas unifamiliares preto do río Sarela que teñen os seus propios terreos entorno a vivenda principal e logo outros secundarios separados por lindes de tipo vexetal ou humano.

Fig.6: Rúa Casas Novas e Vista Alegre

E por último a decima área é a do Barrio Periférico de Vista Alegre,  preto da área anterior, e polo tanto do río Sarela aparecen de novo hortas urbanas, aínda que tamén situadas xa cara a periferia inmediata da cidade, estas hortas pertencen a particulares pero  e curioso porque nesta área atopamos aínda edificación en altura.
Ben, pois como conclusión estas son as principais hortas e xardíns privados (sen entrar en zonas verdes) da cidade de Santiago de Compostela, son moi importantes por distintos as aspectos, xa sexa polo seu valor histórico, por a súa produtividade e como ocupación de lecer. Polo tanto, son totalmente necesarias e debemos conservalas. Grazas por a súa atención! 


Nuria Lorenzo Ledo 




lunes, 18 de noviembre de 2013

Coñece o Mercado entre Lusco e Fusco


Todos os martes en Santiago de Compostela podemos achegarnos o mercado ecolóxico "Mercado do Lusco e Fusco" que se sitúa en Belvís, cerca das hortas que o concello puxo en mans dos veciños para practicar a agricultura sostible.



 Elaboración propia. 


O mercado comeza as seis da tarde, e podemos encontrar nel unha gran cantidade e variedade de produtos. Creo que é unha gran iniciativa, e por iso decidín visitalo, no mercado fun moi ben recibida e explicáronme moitas cousas, para que todo o mundo poida aprender tamén o creador do mercado, Lino Vilas Barbeito, concedeume unha entrevista, a cal expoño a continuación. 

Entrevista


- Como surxe a iniciativa de crear un mercado ecolóxico en Compostela?

Xurde en 2010 polo interese de consumidores concienciados que desexaban mercar productos da terra e ecolóxicos directamente ós seus productores. Estes xunto con uns poucos productore e co consentimento do concello crearon este mercado

Porque o mercado se sitúa en Belvís?

Foi a unica ubicación que o concello puxo a disposición do mercado. Ademáis é un lugar axardinado e cercano as hortas que o concello cedeu a habitantes de compostela.

Porque só se permite a venda de produtos ecolóxicos?

Foi a filosofia que se marcou dende o principio. En realidade tamén é unha forma de promocionar a agricultura ecolóxica e dar a garantia o consumidor deste mercado de que todo o producto é ecolóxico e que non existe de outra procedencia.

Que características se deben cumprir para poder vender no mercado?

En canto as cousas de horta e alimentación, que sexán obtidas polos propios productores. Ou sexa non se permite a reventa. Que sexan da agricultura local e por tanto sostible. No caso de productos que non se atopen aqui que sexan de comercio xusto.
Ca artesanía as condicións son semellantes. Os materiais deben ser respectuosos co medio e as pezas teñen que ter sido feitas polos propios artesáns. Tamén esta prohibida a reventa.


Ademais de verduras e hortalizas que mais produtos se poden comprar?

Alimentos precociñados, en conserva e licores. Tamén hai comercio xusto e artesania de diversos materiais.

Algún dos produtos que venden proceden das hortas de Belvís ou Fontiñas que o concello puxo a disposición dos veciños?

Non en principio ata o de agora non.


Pódense vender animais no mercado vivos ou mortos?

Vivos si. Son as mascotas dos consumidores que as traen con eles.

O mercado ten un horario pouco usual, porque?

Pensouse en facelo pola tarde para darlle oportunidade a moita xente que pola mañan, por mor dos seus estudios ou traballo non poden achegarse a praza de abastos.

O mercado tivo unha boa acollida, existe unha gran demanda?

Ten unha boa acollida sobre todo entre a xente que esta concienciada cos valores do mercado. Tamén dende hai uns meses moita outra xente esta coñecendo e achegandose a el.

Como se establece o prezo dos produtos?

É libre de cada posto. Sen embargo todos buscan ter unha referencia uns dos outros para ubicarse respecto ós consumidores.

Cree que os produtos do mercado presentan unha competencia para as vendas dos comercios de Compostela importante?

Non, non supoñen un volume tal que para a cidade de Santiago compitan con outros establecementos. E tampouco polo horario e a ubicación.

Que características presentan os compradores?

Hainos de moitos tipos. Xente nova concienciada cos productos ecolóxicos. Xente máis vella que lles gusta o producto caseiro. E últimamente os pais e as nais dos alumnos dos centros de ensino cercanos.

Existiu algún tipo de problemas entre os vendedores ou algún comprador?

En principio non hai constancia de problemas de esa indole. Os consumidores preguntan polos productos, sobre a súa orixe e sobre como se fan. É un proceso enrrequecemento mutuo.

As administracións publicas axúdanlles dalgún xeito?

En principio deixandonos facelo mercado, que non é pouco.

Que expectativas espera deste proxecto de cara o futuro?

Pensamos que co tempo se consolide e que, como veu pasando nos últimos meses, o mercado teña máis postos e por tanto sexa máis grande e atractivo.


 Elaboración propia

Moitas grazas Lino por concederme esta entrevista, e sobre todo por crear tan boa e valente iniciativa, a cal ofrece saída as persoas en paro e que encima axuda a comunidade a gozar dunha alimentación mais sana. Foi un pracer poder falar contigo. 

Déixovos ademais, uns enlaces onde podedes ver a actividade do mercado e recoméndovos visitalo, non vos arrepentiredes!

- Facebook do Mercado entre Lusco e Fusco

Por último só me queda plantear, o mercado ecolóxico terá futuro nas cidades galegas? Podería supor unha gran competencia para as explotacións rurais prexudicando a venda dos seus produtos? Agardo as vosas opinións!

Nuria Lorenzo Ledo